Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘clandestinidade’

 

 Inverno de 1943 nun val dos Pireneos franceses. Uns guías son capturados mentres intentaban evacuar seis fillos de membros da Resistencia cara a España. Apenas tiveron tempo de agachar os seus protexidos, e néganse a entregalos. Anoxados, as SS execútanos . Tras  buscaren infrutuosamente aos nenos, os verdugos deciden abandonalos ao frío, destruíndo a única pasarela pola que poderían voltar ó val. Os seis rapaces son agora prisioneros da montaña, e o inverno só está comezando. Deberán organizarse, atopar víveres e lume, e superar as diferenzas sociais e relixiosas –hai fillos de comunistas e de burgueses, de xudeus e de cristiáns– para teren algunha posibilidade de sobrevivir.

 

 

A novela narra o vivido por seis mozos, rapaces e rapazas, fillos de membros da Resistencia nos Pireneos durante o inverno de 1943. Os seus pais non querían poñer en perigo a vida dos seus fillos, por iso os deixaron nas mans duns guías de montaña. Cando os seus guías son asasinados polos nazis, eles teñen que organizarse para sobrevivir, mostrando a capacidade de superación do ser humano en condicións extremas e acaban formando unha pequena familia. E xuntos teñen que loitar contra os dous grandes inimigos: o inverno e os nazis.

Los niños del invierno ten realismo, crueldade, pero tamén delicadeza, amor, amizade.  Os protagonistas representan moitos nenos e mozos do Pireneo francés que foron separados das súas familias durante a guerra. A novela non está baseada en feitos reais, pero o contorno, os nomes xeográficos e a situación histórica si o son.  O inverno e a alta montaña están  sempre presentes no libro. A Resistencia traballou arreo nos Pireneos xunto a guerrilleiros españois, e foron moitos os rapazes que pasaron clandestinamente a fronteira entre Francia e España fuxindo dos alemáns e que hoxe viven aquí ou voltaron a Francia.

Read Full Post »

 Coma tódolos mozos e mozas da súa idade, Tally espera impacientemente cumpri-los 16 anos para someterse á operación cirúrxica que a converterá en muller perfecta.

A súa amiga Shay foxe para unirse á resistencia, un grupo de disidentes que non queren someterse á Operación e que viven en El Humo, unha cidade clandestina. Despois da fuxida de Shay, as autoridades ofrécenlle a Tally dúas opcións: ou non someterse á Operación e ser imperfecta para sempre, ou ir na procura de Shay e entregala aos axentes de Circunstancias Especiais.

 

Tally Youngblood por fin é perfecta… A súa vida non pode parecer máis feliz. Xunto a Shay e a Peris, goza das festas interminables en Nova Beleza, e está a punto de ser admitida no mellor grupo de perfectos, os Crim, liderado por Zane, o perfecto máis “gamberro” da cidade.

Nunha festa de disfraces Tally coñece a Zane e, grazas a el, atopa unha mensaxe misteriosa…

Esta mensaxe, que ela escribira antes de se entregar aos Especiais, devólvelle os recordos, que a fan consciente do seu pasado e lle traen de volta a vella Tally coa misión de saber que secuelas ten a operación, e, sobre todo, de descubrir se estas son reversibles.

 

Xa pasou tempo desde que Tally era unha imperfecta rebelde e indisciplinada. Daquela para ela os Especiais eran só un rumor sinistro: deles dicíase que eran atractivos, rápidos e poderosos coma ninguén. Ironicamente, o destino levou a Tally a converterse nunha deles e trala máis artificiosa das operacións, a forza, velocidade e claridade do seu pensamento fan que se sinta mellor ca nunca.

Case non recorda nada do pasado, pero cando a Dra Cable lle asigna a misión de acabar coa resistencia, Tally escoitará o seu corazón, onde aínda hai memorias imborrables.

Read Full Post »