Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘autográfico’

O nazismo e o holocausto están presentes na Literatura Xuvenil dende hai moitos anos. Soldados de plomo é unha novela sobre o nazismo que paga a pena destacar. É un relato autobiográfico que trata o tema da II Guerra Mundial e a persecucción dos xudeus polos nazis dunha  maneira realista e nada inxenua nin candorosa.

Sinopse: Varsovia, Segunda Guerra Mundial, asedio nazi sobre os xudeus polacos. Nesta novela a historia fala de inxustiza, de sufrimentos, de marxinados e de perseguidos. Non obstante, a través dos ollos do mozo Yùrek ábrese unha porta á solidariedade, á amizade, á esperanza dun futuro de paz onde xa non existan vencedores nin vencidos.

Uri Orlev naceu en Varsovia (Polonia) en 1931. Durante a ocupación nazi vivíu nun gueto desa cidade coa súa nai e o seu irmán pequeno, logo foi deportado ó campo de concentración de Bergen-Belsen. Despois da guerra, trasladouse a Israel e agora vive en Xerusalén.

No ano 1996 concedéuselle o premio Hans Christian Andersen, a máis alta distinción outorgada a escritores de literatura infantil e xuvenil.

Maite Ricart  entrevistou a  Uri Orlev en  Barcelona  en setembro de 1999, onde di que cando era neno lía moitos libros e sentía ciúmes dos heroes porque lles pasaban moreas de cousas e a el non.

Ao comezar a guerra todo cambiou. Varsovia ardía, a súa familia e mais el corrían polas rúas para salvarse e durante a guerra sentiuse un heroe de novela. A infancia que aparece nos seus libros, cheos de feitos terribles, excitantes, emocionantes, foi a que lle tocou vivir e que sempre fala dese período coma se fose un neno.

Nesa entrevista conta que o seu primeiro relato para nenos,  El monstruo de la oscuridad, o escribiu para participar nun concurso radiofónico que gañou. Era a historia dun neno que se facía amigo dun monstro que axexaba na escuridade. O autor confesa que de neno, no gueto, tiña máis medo da escuridade e dos fantasmas ca dos gardas alemáns. Cando se publicou o seu primeiro libro, Soldados de plomo, este ía dirixido a un público adulto pero nalgúns paises editouse en coleccións xuvenís e un periodista comentou que podería ser un bo escritor de literatura infantil e xuvenil.

Read Full Post »