Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Abril 2011

 

     

A tarde do xoves 14 de abril un grupo de alumnos do IES Cacheiras pertencentes ao club de lectura Raiña Lupa, acompañados por varios profesores e profesoras dese instituto e guiados pola profesora e historiadora Encarna Otero, participaron nun roteiro que tiña como temática AS SETE PORTAS DE COMPOSTELA: Faxeira, da Mámoa, de Mazarelos, do Camiño, da Pena, de San Francisco e da Trindade.

O percorrido durou dúas horas e resultou moi ameno xa que os datos históricos ían acompañados de numerosas anécdotas. Tamén recibimos información bibliográfica  acerca de lecturas interesantes relacionadas coa cidade de Compostela (parte do alumnado xa leu algunhas delas).

TRECE BADALADAS, de Suso de Toro

NO VENTRE DO SILENCIO, de X.L. Méndez Ferrín

OS BOLECHAS : UNHA NOITE EN COMPOSTELA, de Pepe Carreiro

COMPOSTELA, HISTORIA DUNHA LENDA, de Pepe Carreiro

O  TRÁNSITO DOS GRAMÁTICOS, de Marilar Aleixandre

A TECEDEIRA DE BONAVAL, de Antonio López Ferreiro

FRAGMENTOS DE APOCALIPSE, de Gonzalo Torrente Ballester.

Dámoslle as grazas a Encarna Otero por compartir con nós o seu tempo e os seus coñecementos.

Read Full Post »

Joseph Joffo naceu en Francia en 1931 e na súa novela cóntanos como foi a súa vida desde que en 1940 os nazis chegan a París,  orixinando a súa fuxida e a do seu irmán Maurice. Na costa mediterranea  reúnense cos seus irmáns maiores e alí vivirán seguros durante un tempo pero cando está zona deixa de ser libre teñen que poñerse en marcha outra vez. Viaxan a pé, en tren, autobús e en calesa. Pasan fame, frío, medo e aprenden a sobrevivir.

Joseph tiña dez anos cando a historia comeza e non entende que está pasando. Todo o vemos a través dos ollos inxenuos dese pequeño xudeu: a guerra, a persecución que sofren os comunistas, os xudeus, os resistentes… e a morte.

Read Full Post »

La habitación de arriba, de Johanna Reiss:

As causas, o desenvolvemento e o auxe do nazismo en Alemania aparecen resumidos pola autora na introdución facilitando o coñecemento e a comprensión desta época. Johanna Reiss narra a súa experiencia persoal durante a Segunda Guerra Mundial, unha nena xudía que vivía en Holanda e que sente perigar a súa vida. A súa familia vese obligada a separarse e agacharse dos alemáns para evitar ser levados a campos de concentración. Annie tiña 6 anos en 1938 ao comenzo da novela, cando os alemáns invaden Austria e durante sete anos as súas palabras, a súa visión inocente, interpretan os acontecementos.

A través deste relato autobiográfico coñecemos os horrores daquel momento, o sufrimento do pobo xudeu, pero tamén a xenerosidade, o compromiso e a esperanza para enfrontarse á barbarie  nazi.  

Read Full Post »

Gudrun Pausewang naceu en Alemaña en 1928 e, ao terminar a Segunda Guerra Mundial, tivo que fuxir á que entón era «a outra Alemaña». Traballou en Chile, Venezuela e regresou a Alemaña, pero en 1968  marchou para Colombia. En 1970 comenzou a escribir libros infantís.

La traidora

Sinopse: Coma tódalas fins de semana, Anna, unha estudante alemá nos tempos da Segunda Guerra Mundial, volta á súa vila para pasar uns días cos seus. Camiño da súa casa descobre unhas pegadas na neve que levan directamente á granxa familiar. No graneiro atopa un home enfermo. É un prisioneiro de guerra fuxido. Un ruso. Un inimigo. Que debe facer ela? Ana toma unha decisión que traerá graves consecuencias.

A acción ten lugar nunha pequena vila alemá próxima á fronteira durante os últimos meses da guerra. Ó longo da novela hai unha defensa do valor do ser humano, unha reflexión persoal como maneira de achegarse á verdade e unha dura crítica á ideoloxía do nacionalsindicalismo. Os personaxes están claramente definidos, son distintos e teñen distintos modos de enfrontarse á realidade.

A novela está escrita en terceira persoa e centrada nunha personaxe, Anna, unha moza de 16 anos,  a través da que coñecemos os outros e todo canto acontece. A protagonista reflexiona sobre a liberdade, os valores morais, a manipulación, o fanatismo polas ideas de Hitler e no final da novela resalta a dureza da guerra.

Read Full Post »

O nazismo e o holocausto están presentes na Literatura Xuvenil dende hai moitos anos. Soldados de plomo é unha novela sobre o nazismo que paga a pena destacar. É un relato autobiográfico que trata o tema da II Guerra Mundial e a persecucción dos xudeus polos nazis dunha  maneira realista e nada inxenua nin candorosa.

Sinopse: Varsovia, Segunda Guerra Mundial, asedio nazi sobre os xudeus polacos. Nesta novela a historia fala de inxustiza, de sufrimentos, de marxinados e de perseguidos. Non obstante, a través dos ollos do mozo Yùrek ábrese unha porta á solidariedade, á amizade, á esperanza dun futuro de paz onde xa non existan vencedores nin vencidos.

Uri Orlev naceu en Varsovia (Polonia) en 1931. Durante a ocupación nazi vivíu nun gueto desa cidade coa súa nai e o seu irmán pequeno, logo foi deportado ó campo de concentración de Bergen-Belsen. Despois da guerra, trasladouse a Israel e agora vive en Xerusalén.

No ano 1996 concedéuselle o premio Hans Christian Andersen, a máis alta distinción outorgada a escritores de literatura infantil e xuvenil.

Maite Ricart  entrevistou a  Uri Orlev en  Barcelona  en setembro de 1999, onde di que cando era neno lía moitos libros e sentía ciúmes dos heroes porque lles pasaban moreas de cousas e a el non.

Ao comezar a guerra todo cambiou. Varsovia ardía, a súa familia e mais el corrían polas rúas para salvarse e durante a guerra sentiuse un heroe de novela. A infancia que aparece nos seus libros, cheos de feitos terribles, excitantes, emocionantes, foi a que lle tocou vivir e que sempre fala dese período coma se fose un neno.

Nesa entrevista conta que o seu primeiro relato para nenos,  El monstruo de la oscuridad, o escribiu para participar nun concurso radiofónico que gañou. Era a historia dun neno que se facía amigo dun monstro que axexaba na escuridade. O autor confesa que de neno, no gueto, tiña máis medo da escuridade e dos fantasmas ca dos gardas alemáns. Cando se publicou o seu primeiro libro, Soldados de plomo, este ía dirixido a un público adulto pero nalgúns paises editouse en coleccións xuvenís e un periodista comentou que podería ser un bo escritor de literatura infantil e xuvenil.

Read Full Post »

 

 Inverno de 1943 nun val dos Pireneos franceses. Uns guías son capturados mentres intentaban evacuar seis fillos de membros da Resistencia cara a España. Apenas tiveron tempo de agachar os seus protexidos, e néganse a entregalos. Anoxados, as SS execútanos . Tras  buscaren infrutuosamente aos nenos, os verdugos deciden abandonalos ao frío, destruíndo a única pasarela pola que poderían voltar ó val. Os seis rapaces son agora prisioneros da montaña, e o inverno só está comezando. Deberán organizarse, atopar víveres e lume, e superar as diferenzas sociais e relixiosas –hai fillos de comunistas e de burgueses, de xudeus e de cristiáns– para teren algunha posibilidade de sobrevivir.

 

 

A novela narra o vivido por seis mozos, rapaces e rapazas, fillos de membros da Resistencia nos Pireneos durante o inverno de 1943. Os seus pais non querían poñer en perigo a vida dos seus fillos, por iso os deixaron nas mans duns guías de montaña. Cando os seus guías son asasinados polos nazis, eles teñen que organizarse para sobrevivir, mostrando a capacidade de superación do ser humano en condicións extremas e acaban formando unha pequena familia. E xuntos teñen que loitar contra os dous grandes inimigos: o inverno e os nazis.

Los niños del invierno ten realismo, crueldade, pero tamén delicadeza, amor, amizade.  Os protagonistas representan moitos nenos e mozos do Pireneo francés que foron separados das súas familias durante a guerra. A novela non está baseada en feitos reais, pero o contorno, os nomes xeográficos e a situación histórica si o son.  O inverno e a alta montaña están  sempre presentes no libro. A Resistencia traballou arreo nos Pireneos xunto a guerrilleiros españois, e foron moitos os rapazes que pasaron clandestinamente a fronteira entre Francia e España fuxindo dos alemáns e que hoxe viven aquí ou voltaron a Francia.

Read Full Post »